martes, 17 de abril de 2012

A sarabia e o vento causan danos na vide e propician o ataque de patóxenos


As precipitacións de sarabia rexistradas durante a fin de semana -sobre todo o sábado-, unidas aos ventos racheados e por momento intensos que azoutaron a bisbarra -especialmente durante a xornada do domingo-, causaron danos importantes nos viñedos e outras plantacións ou cultivos.
Os efectos directos ou inmediatos son doadamente detectables e consisten en esgazaduras ou feridas en cepas, froiteiras, follas ou xemas. Pero non son os únicos problemas, pois o peor que pode acontecer é que esas feridas se convertan en foco de infección ou punto de entrada preferente para diferentes patóxenos. Isto quere dicir que a principal ameaza non está tanto nos danos directos causados pola sarabia ou o vento, senón nos efectos indirectos, posto que as plantas pasan a ser moito máis vulnerables.
Na Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), pertencente á Deputación de Pontevedra, son conscientes diso, e de feito xa constataron a existencia deste risco en diferentes plantacións. Por tal razón, os técnicos aconsellan que se inicie un tratamento funxicida a base de "captan", pois só deste modo pode evitarse que os patóxenos se aproveitan das feridas causadas pola sarabia e o vento.
E hai que insistir en que esta ameaza persiste actualmente para diferentes plantacións e cultivos, non só para a vide. Aínda que este último caso resulta máis rechamante, tanto pola súa repercusión social e económica como, tamén, por tratarse dunhas plantas actualmente ameazadas por outros problemas, entre eles a temida mera.
A este respecto, as chuvias fixeron que as plantas inicien por fin un desenvolvemento moito máis acorde con esta época do ano, e esas mesmas precipitacións fan que comece con forza o período de incubación, ou o que é o mesmo, que pode producirse o que os técnicos definen como contaminación primaria.
De aí que na EFA aconsellen extremar a vixilancia e advirtan de que "a partir deste momento a evolución do clima condicionará a duración deste período de incubación, e polo tanto o tempo que tarde en manifestarse a enfermidade".
Risco máximo para o kiwi a causa da bacteriose
O pasado 30 de marzo a EFA incidía en "a conveniencia de aplicar un tratamento cunha funxicida a base de cobre cando se xeneralice a brotación do kiwi" para reducir a incidencia dunha enfermidade tan grave como a bacteriose. E xa entón apuntaba que "o Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio recolle para este uso oxicloruro de cobre 38%, 52% ou 70%, óxido cuproso 80% e sulfato tribásico de cobre 19% ". Agora, ante o avance da enfermidade, informan de que é preciso poñer atención á aparición dos primeiros botóns florais para protexelos mediante o correspondente tratamento.

A lepra empeza a atacar a melocotoeiros e nectarinas
Os técnicos da EFA recibiron nas súas instalacións as primeiras mostras de lepra recollidas en plantacións de melocotón e nectarina da provincia. Manifestan que esta enfermidade se ve favorecida polas precipitacións rexistradas nos últimos días, de aí que apunten á conveniencia de aplicar tratamentos fitosanitarios. As mesmas fontes advirten de que ante a persistencia de precipitacións e a súa posible continuidade en próximos días é necesario renovar os tratamentos despois das precipitacións que rexistren máis de 10 milímetros, posto que a auga de chuvia reduce a efectividade do produto aplicado.

Pendentes do pintado e o oidio nas maceiras
Hai só un par de semanas, a ausencia de chuvias constituía un problema grave para todo tipo de cultivos, aínda que no caso das plantacións de maceira aquela seca servía para atrasar a aparición das primeiras infeccións de pintado. Pero xa se advertía de que coa chegada das chuvias habería que intensificar os controis, especialmente nas variedades máis sensibles. Agora hai que falar do oidio, cuxa presenza empezou a notarse xa, sobre todo na variedade "golden", estendéndose igualmente aos marmeleiros. Sexa como for, de momento a situación non resulta preocupante e non é necesario tratar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario