martes, 27 de marzo de 2012

COMEZAN AS OBRAS DA PARCELARIA



A Xunta de Galicia iniciou o proceso de concentración parcelaria en Tremoedo, Vilanova de Arousa. Os operarios de Medio Rural comezaron os traballos de creación das pistas forestais que articularán as zonas obxecto de concentración, un proceso que, segundo adiantaban os representantes das administracións, podería quedar concluído a finais deste ano ou comezos de 2013.
O delegado territorial do goberno autonómico, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, encabezaron onte a comitiva de autoridades que visitaron as obras en Tremoedo e tamén a área de Oubiña, Cambados, na que están a desenvolverse os trámites previos ao inicio da segunda fase da concentración.
Ámbalas dúas actuacións nestas zonas veciñas permitirán crear un dos viais máis importantes dos actualmente en construción, avanzaron tanto o alcalde coma o delegado: Unha nova estrada que comunicará os polígonos de Cambados-Ribadumia co de Tremoedo.
A rede de camiños agora iniciada no marco da parcelaria de Tremoedo permitirá a apertura de pistas que sumarán uns 27,5 quilómetros de lonxitude.
A concentración, ademais, suporá intervir en propiedades de 1.350 titulares, nunha extensión total dunhas 576 hectáreas.
Tra-la creación dos novos terreos de repartición, tódalas parcelas serán de entre 4.000 e 5.000 metros cadrados, aumentando así a produtividade dos campos, actualmente moi fragmentados, o que limita a dispoñibilidade de terras abondo para que os particulares poidan facer uso do chan como plantación, recordaron onte alcalde e delegado.
Cores Tourís explicou que a administración autonómica destinará este ano á parcelaria de Tremoedo 1,3 millóns que se suman aos 300.000 euros xa investidos o ano pasado en Vilanova para este tipo de accións.
Durán, pola súa banda, agradeceu a aposta da Xunta por reactivar estas zonas agrícolas nas que seguir apostando, por exemplo, pola plantación de vide,.
En canto á fase II de Oubiña, confían en poder superar agora os trámites ambientais e audiencias cos propietarios para poder aproba-lo inicio do proceso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario