sábado, 26 de mayo de 2012
lunes, 21 de mayo de 2012
As Reliquias de San Xoán Bosco en Cambados
Hoxe luns, organizado polos Salesianos de Castrelo,
recibiremos a reliquia de S. Xoán Bosco,
que está permanentemente en Turín (Italia) onde el viviu e morreu, pero con
motivo do segundo centenario do seu nacemento, que se celebrará o vindeiro
2015, está a recorrer o mundo para a súa veneración. Pero ¿quen foi S. Xoán
Bosco?.
S. Xoán Bosco foi sen
dúbida un dos persoeiros máis importante do século XIX, que revolucionou o
mundo do ensino no momento da revolución industrial, educando a xuventude
daquel tempo e preparándoa para o traballo na industria creando a formación
profesional.
Naceu S. Xoán Bosco en Bechi, preto de
Castelnuovo d’Asti, a cinco leguas de Turín, o 15 de agosto do ano 1815. Quedou
orfo ós dous anos e a súa nai tivo que facer números de traballo e sacrificio
para sacar adiante os seus fillos e o fillastro.
De pequeno
ganouse a vida de pastor, tiña un enorme interese por aprender e dunha memoria
e intelixencia prodixiosa. Un veciño ensinoulle a ler en catro semanas. Cerca
de Becchi vivía un sacerdote que se ofreceu a ensinarlle, e despois de varias
peripecias encontrou a súa vocación sacerdotal, celebrando a súa primeira misa
o 6 de xuño do ano 1841; e vai realizar o seu gran labor sacerdotal nos barrios
da cidade de Turín na que vivía a convulsión da primeira industrialización.
Fundou congregacións relixiosas e desenvolveu o seu labor educativo cos mozos
máis necesitados do convulso Turín da segunda metade do XIX. Baseou o seu
sistema educativo, o sistema preventivo, en tres alicerces: razón, relixión e
amor.
O seu prestixio
como sacerdote e como educador dos mozos necesitados ou en risco de exclusión
social, valeulle o respecto das autoridades civís e relixiosas do seu tempo e
do seu país, así como unha notable fama no estranxeiro. As súas obras foron
requiridas directamente por xefes de estado e autoridades eclesiásticas de numerosos
países.
Foi canonizado
polo Papa Pío XI o 1 de abril de 1934, e Xoán Paulo II, en 1989, proclamouno «Pai,
Mestre e Amigo da Mocidade».
¿POR QUÉ AS RELIQUIAS VIAXAN
POLO MUNDO?.-
Con ocasión de
celebrarse no ano 2015 os 200 anos do nacemento de Don Bosco, o Reitor Maior, Don Pascual Chávez, quixo que unha
reliquia significativa do Santo dos mozos visitase toda a Congregación. Xa
estivo en varios continentes e, neste ano 2012 visita as presenzas salesianas
en España.
É o desexo da Congregación que este acontecemento
fortaleza a nosa vida cristiá, renove o noso compromiso por traballar no medio
da mocidade máis necesitada e que o testemuño de Don Bosco faga renacer o noso
desexo de ser fieis a el.
AS RELIQUIAS NA IGREXA.-
Deus fáísenos
presente, fálanos e actúa a través da vida dos santos, testemuñas e seguidores
seus.
A Igrexa, desde os seus inicios, conservou con especial
coidado os restos dos santos, tanto que as súas mesmas tumbas convertéronse
rapidamente en lugar de peregrinación. Moitos altares das igrexas contiñan a
reliquia dalgún santo, especialmente dos mártires. O Concilio Vaticano II
lembra que «de acordo coa tradición, a
Igrexa rende culto aos santos e venera as súas imaxes e as súas reliquias
auténticas».
A veneración das reliquias dun santo, práctica de
relixiosidade popular, ten que levarnos a lembrar a esa persoa, lembrar a súa
humanidade, pois evocan o seu paso polo noso mundo, a súa vida, o que fixeron,
o que sufriron, e tamén a súa morte. Ao proclamalo santo, convértese tamén no noso intercesor e
modelo de vida cristiá.
Achegarnos á reliquia de Don Bosco ten que
axudarnos a remontarnos a Aquel por quen Don Bosco traballou, a quen seguiu e
amou na súa vida e que foi a causa que moveu toda a súa vida e de quen el
quería converterse en "signo e
portador do seu Amor aos mozos".
viernes, 18 de mayo de 2012
lunes, 14 de mayo de 2012
sábado, 5 de mayo de 2012
Suscribirse a:
Entradas (Atom)